Saturday 27 de April de 2024

José Ramón Riobóo destaca a importancia de potenciar as exportacións das empresas coruñesas


O deputado de Emprego lembra que a provincia da Coruña xa é a cuarta de España por volume de exportacións, pero apunta que é necesaria a implicación de todos os axentes e administracións para conseguir que máis empresas vendan os produtos coruñeses no exterior

Destaca que eventos coma Exporpymes, que reúne na Coruña a 185 empresas galegas con 90 exportadores de 27 países, supoñen “unha excelente oportunidade” para establecer novas relacións comerciais

José Ramón Riobóo destaca a importancia de potenciar as exportacións das empresas coruñesas
O deputado responsable da área de Transición Ecolóxica e Emprego, José Ramón Riobóo, o presidente da Cámara de Comercio da Coruña, Antonio Couceiro; o director da área internacional do IGAPE, Augusto Álvarez Borrás e a secretaria xeral técnica da Consellería do Mar, Isabel Concheiro, participaron esta mañá en ExpoCoruña na inauguración dunha nova edición da feira ExporPymes, que este ano reúne a 185 empresas galegas con 90 exportadores procedentes de 27 nacionalidades, co obxectivo de que establezan novas relacións de negocio.

Á xa habitual participación de países coma Estados Unidos, Reino Unido, Polonia, República Checa, Colomboa, Perú, México, Israel, Irlanda, Turquía ou Panamá, súmanse este ano novos países coma Dinamarca, Suiza, Jordania, Túnez, Senegal, Ghana e Burkina Fasso.

No seu discurso inaugural, Riobóo destacou a importancia de apostar pola internacionalización das empresas coruñesas. O deputado lembrou que a provincia coruñesa é xa a cuarta de España por volume de exportacións e concentra case o 50% do total de exportacións galegas, pero afirmou que “para manter ese liderado e continuar a senda de crecemento dos últimos anos, todos os axentes e administracións comprometidos co emprego debemos sumar esforzos”.

“A provincia da Coruña conta cun potencial enorme, con infinidade de recursos e cun gran número de pequenas e medianas empresas dispostas a dar o salto da internacionalización. Esta feira supón para o noso tecido empresarial unha excelente oportunidade de abrir establecer novas relacións comerciais para continuar crecendo e xerando riqueza desde A Coruña”, afirmou José Ramón Riobóo.

Pola súa banda, o presidente da Cámara de Comercio, Antonio Couceiro, afirmou que “foros coma Expopymes permiten transmitir unha imaxe sólida do empresariado galego e, por ende, de Galicia” e detallou que os sectores de alimentación, bebidas e materiais de construción son os que contan con maior representación nesta edición da feira.